xoves, 15 de abril de 2021

Exemplo exercicio sinxelo usando Plickers

Un exercicio moi sinxelo que podemos facer para avaliar un determinado estándar nunha visita fora da aula é facer unha rolda de preguntas usando Plickers.

Dun xeito moi, moi, moi resumido diremos que Plickers é unha app que permite formular preguntas con catro posibles respostas (neste caso teremos que preparalas previamente antes de sair do centro escolar), que o alumnado responderá usando unha especie de código QR que levará impreso nunha cartulina ou folio. Ao non ter pantalla dixital para proxectar as preguntas, teremos que ler as preguntas a viva voz e o alumnado usará eses códigos para respostas. Nós, co noso móbil, escanearemos eses códigos, e as respostas quedarán arquivadas na app.

Botade unha ollada a algún vídeo de YouTube como este, entenderedes mellor o que estou a contar.

Un exemplo concreto. Imaxinade que visitades unha vila de época romana cun curso de 1º ESO, e o estándar que queremos traballar é o XHB3.22.2. Analiza exemplos do legado romano que sobreviven na actualidade. Para rematar a nosa explicación (ou ben a da persoa que guíe a visita) podemos levar preparadas varias preguntas coas que avaliaremos esa saída de campo e ese estándar asociado. Por poñer un exemplo de 2 posibles preguntas:

1) Unha vila romana é :

a- Unha casa de veraneo para as persoas ricas daquela época.

b- Unha construción na que habitaba todo o ano xente rica, na que había unha zona para vivir e outra cunha explotación económica.

c- Era unha construción cuxa finalidade era puramente económica.

d- Era unha construción cuxa finalidade era relixiosa.

2) Un mosaico é:

a- Unha obra artística feita no solo das habitacións principais da vila romana, cunhas pequenas pezas chamadas teselas.

b- Unha obra artística feita no solo das habitación principais da vila romana, cunhas pequenas pezas chamadas tégulas.

c- Cada unha das pezas que forman os muros da vila, chamadas ímbrices.

d- As pinturas que decoraban as paredes das habitacións principais da vila romana.

Ao chegar a casa ou ao centro, poderemos descargar da app as súas respostas de xeito individual. Que conseguimos? Avaliamos un estándar que aparece no currículo de 1º de ESO nunha visita de campo, e ademais fomos quen de manter a atención do alumnado durante a visita a esa vila romana.



domingo, 11 de abril de 2021

As cidades educadoras

Non inventamos nada, hai 30 anos que se está a falar de cidades educadoras. Tanto na Asociación Internacional de Cidades Educadoras como na RECE-Red Estatal de Ciudades Educadoras levan moito tempo reflexionando e desenvolvendo experiencias concretas sobre o papel educativo das cidades.

Na nosa comunidade autónoma A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Sanxenxo e Vigo forman parte da Rede. Deste xeito, e segundo establecen os principios da RECE, os gobernos municipais aceptan o establecido nos principios da Carta de Cidades Educadoras, comprométendose os asinantes aceptar os seus principios. Recomendamos a lectura deses principios, asumidos polos nosos gobernos municipais, nos que se recollen declaracións de intencións tan belas como que “...as políticas municipais de carácter educativo entenderanse sempre referidas a un contexto máis amplo inspirado nos principios da xustiza social...”, ou que “...o dereito á cidade educadora proponse como unha extensión do dereito fundamental de todas as persoas á educación…”.

Unicamente Pontevedra tomou en serio os preceptos da RECE, apostando por unha cidade máis amable e humana non só para os escolares, tamén para toda a cidadanía.

sábado, 3 de abril de 2021

Comezamos

 

Que é A aula estendida: a cidade como escola? O proxecto nace a partires de dúas certezas.

Por un lado sempre tivemos especial curiosidade sobre o hábitat que nos tocou vivir: as cidades. Estas son ecosistemas vivos que están en constante desenvolvemento e transformación, e nesta evolución a veciñanza ten que ser un suxeito activo. Dirémolo doutra maneira: se non construimos a cidade, alguén o fará por nós.

Por outra banda, os meses de pandemia e confinamento produciron unha sensación de falta de aire, de afogo, tanto nas nosas vidas cotiás como no académico. Si co desconfinamento tomamos as rúas e os parques, por que non aproveitar esa inercia e facer o mesmo co noso alumnado, aproveitando a gran cantidade de recursos didácticos que temos ao noso alrededor?

Que poderedes atopar en A aula estendida: a cidade como escola? Encontraredes reflexións, experiencias, recursos, sobre a potencialidade educativa das nosas cidades. A pretensión é baixar do teórico ao concreto, amosando posibles exemplos na paisaxe urbana que podemos utilizar como excusa para traballar os elementos curriculares.

Se levantamos a vista dos libros de texto e das computadoras, a cidade ofrécenos moitos recursos que perfectamente poden ser encaixados nos currículos educativos. Abramos a porta das nosas escolas e saiamos a que nos dea un pouco o aire.