sábado, 3 de abril de 2021

Comezamos

 

Que é A aula estendida: a cidade como escola? O proxecto nace a partires de dúas certezas.

Por un lado sempre tivemos especial curiosidade sobre o hábitat que nos tocou vivir: as cidades. Estas son ecosistemas vivos que están en constante desenvolvemento e transformación, e nesta evolución a veciñanza ten que ser un suxeito activo. Dirémolo doutra maneira: se non construimos a cidade, alguén o fará por nós.

Por outra banda, os meses de pandemia e confinamento produciron unha sensación de falta de aire, de afogo, tanto nas nosas vidas cotiás como no académico. Si co desconfinamento tomamos as rúas e os parques, por que non aproveitar esa inercia e facer o mesmo co noso alumnado, aproveitando a gran cantidade de recursos didácticos que temos ao noso alrededor?

Que poderedes atopar en A aula estendida: a cidade como escola? Encontraredes reflexións, experiencias, recursos, sobre a potencialidade educativa das nosas cidades. A pretensión é baixar do teórico ao concreto, amosando posibles exemplos na paisaxe urbana que podemos utilizar como excusa para traballar os elementos curriculares.

Se levantamos a vista dos libros de texto e das computadoras, a cidade ofrécenos moitos recursos que perfectamente poden ser encaixados nos currículos educativos. Abramos a porta das nosas escolas e saiamos a que nos dea un pouco o aire.